Saturday 20 de April de 2024

Moeche reforza a súa brigada de obras e servizos con cinco traballadores temporais


Os contratos sufráganse con axudas á inserción laboral da Deputación e da Xunta de Galicia

O Concello ten xa operativa e a pleno rendemento a brigada de apoio ao servizo de obras contratada a través de distintos programas cofinanciados pola Xunta e a Deputación da Coruña. En total son cinco traballadores que accederon a un posto temporal por medio das liñas da RISGA, do APROL Rural 2018 e do Plan de Integración Laboral, tras superar os correspondentes procedementos de selección. As tarefas que desempeñan son moi variadas, aínda que todas elas se centran no mantemento e limpeza de espazos públicos, así como en traballos de roza e pequenas reparacións en infraestruturas municipais.

Hoxe, sen ir máis lonxe, dous operarios -un deles aínda do programa APROL 2017 que agora finaliza contrato- estiveron durante a mañá na área recreativa de Soutogrande para pasar a desbrozadora e tamén para amañar varias táboas soltas das duchas da piscina despois de ter pintado a sinalización dun poste en San Ramón e de ter reposto varias baldosas das beirarrúas no mesmo núcleo.

Mentres, o resto do persoal repartíase por outros puntos do territorio, parte limpando o contorno da foxa do saneamento de Labacengos e, no caso do condutor temporal da maquinaria municipal, poñéndose ao día sobre o funcionamento do tractor e da rozadora de brazo con axuda do outro traballador contratado con cargo ao APROL Rural 2017 que en breve rematará tamén o seu contrato. Tal e como explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy, “os dous empregados do APROL do ano pasado compartirán traballo durante algúns días coas cinco persoas que entran novas, algo que axuda moito a que non se produzan paróns na planificación que hai en marcha”.

O Concello botou man este ano dos distintos programas de promoción laboral de Xunta e da Deputación “para contribuír á empregabilidade de persoas que por distintas razóns teñen ou tiveron dificultades para atopar un traballo, pero tamén para reforzar o labor que desenvolve a brigada de obras”.

Neste sentido os perfís profesionais contratados “atenden ás necesidades do territorio en canto a tarefas que cómpre levar ao día, como son o desbroce e limpeza de lavadoiros e fontes, a recollida do lixo, o mantemento do recinto feiral, o do castelo e a área de Soutogrande… e tamén a posta a punto do colexio con pequenas reparacións antes do comezo do curso”. A rexedora lembra, ademais, que a incorporación dun condutor que manexe tamén a escavadora da que dispón o Concello “permitiranos avanzar a partir de setembro na limpeza ou preparación de cunetas en numerosas pistas municipais”.

Moeche percibiu unha axuda de 5.250 euros da Xunta para contratar unha persoa desempregada perceptora da Renda de Integración Social de Galicia -coñecida polo acrónimo de RISGA- durante 7 meses a media xornada facendo labores de peonaxe de obras. Por outra banda, o APROL Rural 2018 -auspiciado tamén pola Xunta- supuxo outra achega de 11.250 euros, que dán para os custes de contratación dun peón forestal ao longo de 9 meses a xornada completa. Por último, dentro do Programa de Integración Laboral da Deputación -encadrado no Plan de Emprego Local- a axuda foi duns 19.000 euros, cos que Moeche asume os contratos temporais de tres persoas cunha xornada semanal de 30 horas: por un lado un operario de servizos múltiples e un condutor durante 4 meses e medio e, por outro, un peón de obras en nómina durante 3 meses e medio.